Agora máis que nunca

Cruz Vermella

Web oficial de Cruz Roja Española en Galicia

Que é Agora máis que nunca?

Agora + que nunca é o primeiro chamamento que fai Cruz Vermella Española para axudar á poboación do noso país debido á situación actual.

Ata ese momento, os chamamentos sempre foran para axudar á poboación doutros países afectados por catástrofes naturais ou graves conflitos bélicos. Facémolo porque a poboación coa que estamos a traballar, que sempre tivo un alto grado de vulnerabilidade, está en serio risco de superar a liña que marca a exclusión social. Porque persoas e familias que antes non se achegaban a nós, agora veñen buscando a nosa axuda.

Non podemos mirar a outro lado

Agora, estas persoas e familias son a nosa prioridade e por iso nos marcamos un obxectivo: poder atender, polo menos, a 15.000 persoas máis en Galicia e 300.000 en España. Familias con todos os membros en paro, personas maiores con ingresos mínimos e familiares a cargo, infancia e xuventude en risco... son os nosos grupos prioritarios de atención.

Somos conscientes de que sós non imos solucionar a crise, nin arranxar os problemas de todas as personas que se achegan, pero a nosa responsabilidade como institución e o que nos demandan os nosos socios e voluntariado é facer todo o esforzo posible por mellorar a situación das persoas que o están a pasar mal. Temos a obriga ética de ser un medio polo que as persoas que confían en nós poidan axudar aos demais. 

Esta páxina web é unha iniciativa máis de Cruz Vermella en Galicia neste contexto. Pretendemos empregar as novas tecnoloxías e o poder das redes sociais para axudar ás persoas. Adica un intre a descubrir que hai moitas formas de colaborar ao teu alcance.